sábado, 10 de setembro de 2016

Fogar.

Hai persoas que nos reviven, que son o noso fogar despois dos furacáns. E cando atopamos unha persoa así sabemos seguro que non queremos separarnos xamais dela. Temos seguro que son a nosa casa e alí estaremos a salvo. Envólvennos nos seus brazos como se estes nos protexeran de todo, como se foran a nosa cúpula e nin sequera o vento puidera danarnos. E sempre facéndonos rir. Sempre facéndonos esquecer o malo, loitando polo mellor. Sempre queréndonos, coa mesma ilusión do primeiro día, como se fose o primeiro, a primeira vez que nos encontramos, que camiñamos xuntos na escuridade da noite, que nos bicamos, pouco a pouco ata chegar a onde estamos hoxe. 

mércores, 31 de agosto de 2016

Verán.

A calma leva instalada no meu corazón case tres anos. Chegaches no medio dun furacán que me tiña dando voltas sen saber cara onde, e decidiches quedar comigo para facer desto un verán moi longo. Hai tempo que non sinto o frío do inverno, só os raios do sol que baten na miña pel. A escuridade e as cores grises quedaron atrás e agora sempre hai luz. Pero tamén me gustan as tormentas de verán, que me revolucionan, que nos revolucionan. Esas nas que as nosas mans fan maxia e pasamos por todas as estacións do ano. Pero ao final sempre acabas instalando o verán en min, acabas sendo a luz de cada día e o calor de cada noite.

martes, 9 de agosto de 2016

Viaxe a London parte I.


Onte (31 de xullo) cheguei de London nunha viaxe de dúas semanas de aventuras e decidín escribir aquí, coma se fose un pequen o diario de viaxes, as vivencias de cada día.
Iso de que os soños se fan realidade soa un pouco a película ou a libro xuvenil romántico, pero a veces é certo.
Viaxar sempre foi desas cousas que me chamaban: descubrir lugares, persoas, linguas, culturas… Son unha persoa aberta a investigar, a dar unha oportunidade a convivir con xente doutro lugar, cousa que hoxe en día moitos non respectan nin queren.
O 17 de xullo arrancamos para o aeroporto de A Coruña ás 12 da mañá. Levaba esperando por ese momento máis dun ano e aínda non mo podía crer. Os nervios corrían polo meu corpo, chegando mesmo a pórseme a pel de galiña ao pensar detidamente que en poucas horas estaríamos voando.
Ás dúas e media embarcamos, e ás tres o avión tomou rumbo á cidade británica.

A viaxe estivo marcada polas risas, as fotos que, furtivamente, che quitei durmindo, os nervios e as ganas desa aventura que acababa de empezar. 

luns, 27 de xuño de 2016

Perdoa.



Perdoa. Por volverme tan fráxil ultimamente. Por ter medo a que os abrazos en vez de reconfortarme me rompan en máis cachos.

Quero que os soños se fagan realidade, que as forzas sexan cada  vez máis, que derribemos as barreiras xuntos, que miremos ao ceo e recordemos que sempre estaremos baixo a mesma lúa, unidos polas mesmas estrelas, e que o noso sorriso será o sol que ilumine ao outro.  

luns, 6 de xuño de 2016

O sorriso que quero.

Grazas por esta aí. Por ser a persoa coa que poder compartir os mellores momentos, sorrisos, preocupacións, as bágoas de decepción, de dor, os abrazos de apoio, os bicos na fronte que reconfortan, os “quérote” que tan feliz me fan. Por ese “é que ti xa es da miña familia” que me estremece, seguido dunha aperta forte, dun bico longo.
Grazas por non marchar despois de verme nada máis espertar, espeluxada, cos ollos entreabertos, o pixama revirado, a pel sudorosa, de mal humor. Por verme durmir cos ollos a medio pechar, os meus ronquidos, as miñas patadas na cama. Por dicirme que estou preciosa o día que aparezo de chándal ou o que poño un vestido. Por ter sempre un sorriso para dedicarme e outro para arrancarme, un bico para regalarme, un abrazo para darme, un lugar na cama que prestarme. Por todas as cousas que intento numerar en cada novo texto, as que recollen as fotos, os momentos que quedarán para sempre nas nosas memorias, os que só nós sabemos.

Eskerrik asko.

martes, 10 de maio de 2016

Non queremos durmir.

Gústame escribirche porque é como sentirte preto cando non o estás, porque aí saen palabras sinceras, sentimentos que medran a cada momento.
Ultimamente as cousas van ben, así o di o tempo, que se esfuma cada vez que estamos xuntos. Rise de nós. Párase cando estamos lonxe e voa cando estamos cerca. Quixera ser coma el, ter esa capacidade de determe ou correr. Quedaría ao teu carón cada noite baixo as sabas. Porque dime senón, onde se está mellor contigo que acariciando o teu peito espido… Que me encanta que me collas da man e me guíes, que me perdas nas curvas do teu corpo, para acelerar nas rectas…
Cada noite penso que sería de min se durmise sempre ao teu carón, se me volverías tola, se acabaría máis afeccionada aínda ao teu pescozo, ós teus beizos, aos teus suspiros…

xoves, 28 de abril de 2016

Toca medrar.

O amor é un acto de interese: dás algo a cambio de recibir.  E aínda que intentamos que non sexa así, é un acto inconsciente, algo que tampouco facemos con maldade.
Non por ser moi parecido a unha persoa esa relación será a mellor; a veces as mellores cousas están no descoñecido. E nós non sei en que punto estamos, quizais nun intermedio: temos puntos nos que coincidimos moito e outros nos que chocamos. Pero gústame. Poder discutir sobre algo. Estar en desacordo nalgún momento.
O problema é que a veces os sentimentos son diferentes e é preciso chegar a un punto medio, onde os dous estean cómodos, onde ningún sufra.  Pero para iso os dou teñen que ceder, botar da súa parte, aportar o seu gran. E non por isto é necesario deixar ir a propia vida, as oportunidades que se presentan, os avións que podemos coller. Pero si que o é o diálogo, a sinceridade, o agarimo.
A veces tamén pasa que a diferenza da idade, no fondo, si que se nota. Unha das dúas persoas pode levar consigo aínda esa parte de neno, e madurar, crecer, abrirse ao mundo, non é tan doado. Si que o vai conseguindo coa axuda do outro, coas necesidades que se lle presentan na vida.
Eu só digo que as cousas pasan por algo. Igual que un día nos coñecemos no lugar que menos esperábamos e no momento que menos esperábamos, agora toca separarse. Pero separarse xuntos, seguir facendo a historia desde dous lugares distintos, ocupando páxinas con novas experiencias, novas viaxes, novas risas, novas ideas, novas tolerías.
Que a veces podo ser moi débil, podo estar afundida, dentro do pozo, precisar que tires por min, que me empuxes ata arriba. Pero agora toca medrar. Que a nena que levo dentro siga aí, para sacarche sorrisos con parvadas, pero que asuma que a vida vai ter cousas moito peores, que non se pode estar sempre chorando, que cando pare xa todo pasou, xa non lle dou tempo a vivir.

A ti. Grazas.